Dende o 4 de decembro de 2020 – Gratis – Sala de exposicións temporais do 2º edificio.

Coa colaboración da Universidade de Vigo

Escoito e escoitei moitas historias fascinantes de obxectos traídos polo mar, unhas simpáticas e outras tráxicas. O mar cuberto de laranxas até cambiar de cor, mariñeiros que colleron nas súas redes champaña francés, praias poboadas de capachos multicolores (máis propias dunha instalación que dun fenómeno natural), televisores que ao prendelos estoupaban, mulleres con impresoras na cabeza, como noutrora se levaban as sellas… Pero tamén barcos como o Silva Gouveia, afundido en 1927, que ás veces o mar descobre e tamén outros como el, de grandes dimensións, encaixados en areais aos que o mar normalmente non chega, ou praias con mortos traídos polas correntes e as mareas, sen esquecer as paisaxes apocalípticas do Prestige e da evacuación do Casón.

A dureza do mar e as características físicas da Costa da Morte deron lugar a sucesos sorprendentes. Pero é moito máis sorprendente, sen dúbida, a forma en que son vividos e, sobre todo, na que son relatados posteriormente.

Resulta imposíbel reducir ese mundo a un conxunto de fotografías, polo que esta imaxe non pretende describir as crebas, que é como lles chaman os que andan na súa pescuda pola ribeira, senón suxerir. Un intento por achegarse ao potente imaxinario do mar que existe na Costa da Morte.

Manuel Sendón


«Crebas»

Visita virtual


Videos